World Day for Decent Work

Galicia (Spain)

Artigo de opinión dos Secretarios Xerais de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e CC.OO. de Galicia, Xan Mª Castro, chamando á participación na Xornada Mundial polo Traballo Decente. Publicado en La Voz de Galicia o 5 de outubro de 2008

UGT-Galicia

XORNADA MUNDIAL POLO TRABALLO DECENTE

Comisións Obreiras e UGT-Galicia convocan as traballadoras e traballadores do noso país pola defensa do traballo decente

A loita contra a sinistralidade laboral, a precarización das condicións de traballo ou a economía somerxida serán os principais obxectivos da mobilización galega do vindeiro 7 de outubro

O vindeiro 7 de outubro, millóns de traballadoras e traballadores en todo o mundo están chamados a mobilizarse, seguindo o chamamento da Confederación Sindical Internacional (CSI) e as organizacións que a integran, entre elas a Confederación Europea de Sindicatos (CES), da que formamos parte UGT-Galicia e Comisións Obreiras.

O principal obxectivo desta mobilización é reclamar en todo o mundo e para todo o mundo, diante dos gobernos, das instiucións multilaterais e das organizacións empresariais, o traballo decente. Este concepto define aquel emprego que permite vivir con dignidade, que dá acceso á protección social básica e no cal se respectan os dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores nos termos acordados pola Organización Internacional do Traballo (OIT) en 1998.

CC OO e UGT, así como todas as organizacións que integramos a CES e a CSI, temos a convicción de que este emprego con dereitos é o principal medio para reducir a pobreza no mundo e para erradicar as súas principais manifestacións: desnutrición, mortaldade infantil, analfabetismo, indefensión ante as pandemias ou sobreexplotación laboral. Todo isto aparece recollido, ademais, nos obxectivos do milenio para 2015 que fixou a Organización das Nacións Unidas (ONU) e que constitúen o segundo obxectivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente.

Pero ademais, a CES incorporou un terceiro obxectivo no chamamento: o rexeitamento á Directiva sobre tempo de traballo, aprobada polo Consello Europeo o pasado mes de xuño e que permite ampliar a xornada laboral ata un máximo de 65 horas, ademais de fomentar a individualización das condicións de traballo, o cal significaría diminuír a capacidade de presión que teñen os traballadores e traballadoras a través dos acordos ou convenios colectivos. UGT e CC OO cremos que esta medida é profundamente regresiva e que bate frontalmente contra algúns dos principios do traballo decente.

No que respecta ás necesidades do estado español, a loita polo traballo decente é a loita contra a sinistralidade laboral, contra a precariedade, contra o traballo non declarado e a economía somerxida, situacións e lacras que afectan a milleiros de traballadoras e traballadores e ante as cales se atopan, en moitos casos, indefensos.

Xa en Galicia, con estes obxectivos presentes, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras e a Unión General de Trabajadores de Galicia acordamos que a mobilización central da Xornada Mundial polo Traballo Decente terá lugar en Vigo, ás 20 horas, e sairá do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz. Tamén se realizarán breves paros simbólicos en moitas empresas, maiormente ao mediodía.

Por último, cómpre sinalar que as reivindicacións coas que sairemos á rúa o 7 de outubro non ficarán aí. Estes tres grandes obxectivos (universalización do traballo decente, cumprimento dos obxectivos do milenio e derrogación da Directiva de tempos de traballo) continuarán presentes en próximas convocatorias, como na euromanifestación que terá lugar o día que comece o debate parlamentario da citada Directiva europea.

José Antonio Gómez, secretario xeral da Unión General de Trabajadores de Galicia

Xan María Castro, secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras

» See online: http://www.ugtgalicia.org

contribute

This forum is moderated beforehand: your contribution will only appear after being validated by a site administrator.


Graphic Design: Jean-Yves Leblon - Pixeleyes | Web agency: TTTP

© ITUC/CSI/IGB 2008

Follow-up of the site's activity RSS feed

Private area | Site Map | Contact | Privacy policy